Saltar ao contido

Raís, non só instrucións

Traballo con intelixencias artificiais que programan. Pedirlles as cousas por favor non abonda: o importante é o que non poden saltar.

Portada de Galivelop-workflow, o método co que traballo

· Obradoiro · Escribe: Álvaro García Graña · Lectura: 3 min · Proxecto: Galivelop-workflow

A palabra: Que é un «harness»

En inglés, «harness» é o arnés de quen escala. Non sobe por ti nin che di por onde ir. Só impide que unha mala pisada remate en caída.

Así lle chamo a todo o que rodea a intelixencia artificial cando traballa comigo: as normas, as comprobacións, as notas que deixa e o momento en que unha persoa di si ou non. É máis aburrido ca a propia IA, e é o que fai que me poida fiar do resultado.

O que saíu mal: Unha norma escrita non abonda

Ao principio apuntábao todo como normas: fai isto, non fagas aquilo. A IA líaas, entendíaas e, de cando en vez, saltábaas igual. Non por mala fe: a metade dun traballo longo, unha norma é unha frase máis entre miles.

Un exemplo pequeno. Tiña escrito que nas probas só se usan enderezos de correo de mentira, dos reservados para exemplos. Un día coouse un que non o era. Vino tarde, xusto antes de publicar, e arranxalo custou desfacer traballo xa gardado.

Decisión

Se unha norma rompe máis dunha vez, deixa de ser unha norma e pasa a ser unha comprobación automática. O que se pode comprobar compróbao unha máquina, sempre igual, e á IA déixolle o que pide criterio.

A miña regra sobre as regras

  1. O contexto medra: Cada chamada volve ler toda a conversa: canto máis longa, máis custa. Por iso o mecánico vai a subaxentes e a xanela ten un tope.
  2. Compactar: Ao chegar ao tope, a conversa compáctase. Un gancho executa recover.py e devolve o estado desde git: a sesión segue polo mesmo paso.
  3. Corte: A sesión remata: sen tokens, co contedor reciclado ou co relevo doutra conta. O que só estaba na conversa pérdese; o subido, non.
  4. Relevo: Outra sesión, quizais con outra conta, arranca, le a bitácora e segue por «Siguiente:» sen preguntar por onde ía. O que non está subido non existe.
Un exemplo: a remuda entre dúas sesións de traballo. O que unha deixa escrito, a seguinte compróbao antes de empezar.

Os raís: Catro cousas que non se saltan

O que sostén o traballo

  • O que non está gardado non existe. A IA esquece todo ao rematar a sesión, así que garda cada pouco e deixa unha nota para quen siga.
  • Unha proba ten que ter fallado antes. Se nunca deu erro, non sei se de verdade vixía algo.
  • Nada se publica coas comprobacións en vermello. Nin con présa, nin aínda que o pida eu.
  • Publicar decídeo unha persoa. A IA propón, outra ollada revisa, e a última palabra é humana.
Esquema: o traballo pasa por quen organiza, quen fai e quen revisa, e ao final decides ti
O mesmo percorrido, debuxado para Galivelop Developer: organizar, facer, revisar e, ao final, decidir ti.

O aprendido: O arnés non quita o mérito

Nada disto fai infalible a IA. Segue equivocándose, e eu tamén. A diferenza é onde queda o erro: nunha comprobación que salta a tempo, e non na web que ti estás a ler.

Gústame pensalo así: canto mellor é o arnés, máis lonxe me atrevo a subir. O método está publicado e calquera pode velo na páxina de Galivelop-workflow.