Saltar ao contido

A última Semente

Unha curta do Xénese de Tarkor: como empezou o seu mundo, quen foi a última das trece Sementes e por que o xogo leva o seu nome.

Unha esquirla de luz azulada caída nun deserto vermello e fendido, baixo unha tormenta con lóstregos

· Relato · Escribe: Álvaro García Graña · Lectura: 3 min · Proxecto: Tarkor

A orixe: Trece Sementes

Antes de que ninguén contase os anos, había un mundo azul acabado de facer e ninguén nel.

Entón chegou Nai. Ninguén sabe de onde. Un dos seus moitos nomes era Helek, que quere dicir «orixe», e ao mundo quedoulle o nome: Helek Sirik, a Orixe Azul.

Nai non traballou soa. Formou trece Sementes e a cada unha deulle unha tarefa. Unha modelou a materia. Outra puxo cada cousa no seu sitio. Unha fixo brotar o que medra a modo, e outra fixo nacer o que corre e caza. Outra ocupouse de que todo o que remata rematase de vez.

A décimo terceira tardou. Mentres as súas irmás xa traballaban, ela non tiña poder ningún, nin sequera forma. Nai puxera nela un pouco de todas as demais, e algo máis que nin ela mesma entendía. Cando por fin espertou, sabía facer un pouco do que facía cada irmá. Chamáronlle Tarkor.

A dúbida: A luz morada

Nai tíñalle medo, porque non entendía o que fixera. Falaba pouco coas súas Sementes, e con Tarkor menos. El respondeu como responde un fillo: obedecendo máis ca ninguén. Ía de irmá en irmá, axudando onde fixese falta, e agardaba.

Nunha desas viaxes viu unha luz morada que viña de máis alá do mundo. Era tenue e fría, e non se parecía a nada do que Nai fixera. Voou ata ela. A luz desfíxose e entroulle no peito. Tarkor pensou que sería outra obra de Nai, e seguiu traballando.

Pasou moitísimo tempo. Un día oíu unha voz dentro de si. Primeiro foi un murmurio, logo palabras soltas, e ao final unha frase enteira: Nai ocúltavos algo.

Tarkor fixo o que faría alguén que se fía. Foi onda Nai e pediulle a verdade.

Decisión

Nai non lla deu. Non foi por maldade. Foi por medo.

O Xénese de Tarkor

O regreso: O que naceu sen Semente

Tarkor marchou buscar a verdade pola súa conta. Ninguén sabe canto tempo estivo fóra. As súas irmás deixaron de dicir o seu nome. Ninguén llelo ordenou.

Cando volveu, xa non era o mesmo. Era frío e escuro, e só quería unha cousa: desfacer a obra de Nai. Traía consigo algo que o mundo non tivera nunca. Chamámoslle maxia.

A maxia derramouse sen control. A aquilo chámaselle o Estalido. A súa parte máis salvaxe caeu sobre o continente de Berig e quedou alí, cambiando a terra, as plantas e as bestas.

Mil anos despois, desa maxia salvaxe naceron os primeiros orcos. Ningunha Semente os deseñou. Ninguén lles preparou un sitio. Son o pobo máis novo do mundo, e con eles empeza o xogo.

Guerreira orca das Chairas do Vento Vermello, cun machado en cada man, sobre un campamento no deserto vermello
Unha orca das Chairas do Vento Vermello. Arte do xogo.